Comeza a primeira fase de escavacións na Cabeciña. O proxecto conta coa participación de Deputación de Pontevedra, Comunidade de Montes de Mougás e Concello de Oia. Plantéxanse uns traballos valorativos de dous meses de duración nos que participarán técnicos da Deputación coa colaboración dos veciños.

Replanteo sondeos (6)

Topógrafos e arqueólogos determinando a situación dos sondeos

Despois de tres anos de tarefas arqueolóxicas de limpeza, documentación e planimetría na Cabeciña preséntase o primeiro proxecto de escavación. O obxectivo desta intervención é o de avaliar o potencial arqueolóxico do xacemento e valorar o estado de conservación dos restos.

A metodoloxía que se seguirá será a de abrir cinco sondaxes de 3x3m. nos distintos recintos do castro para valorar cales son as zonas de maior interese. Unha vez determinado o valor das sondaxes, ampliarase a área a escavar neses puntos de especial relevancia arqueolóxica.

 

Un proxecto de Arqueoloxía en Comunidade

Estes traballos estarán supervisados por técnicos e peóns da Deputación de Pontevedra e un coordinador que aporta a Comunidade de Montes de Mougás, así como unha estudante de arqueoloxía da Universidade de Barcelona. Estes activos, traballarán en colaboración cos veciños que axudarán en labores auxiliares, así como de voluntarios que se queiran apuntar. Mantense deste xeito o carácter de Arqueoloxía en Comunidade que caracterizou ao proxecto da Cabeciña dende o seu comezo.

526906_521946194554628_393622699_n

Veciños de Mougás axudando durante as labores de limpeza

A implicación dos veciños é por tanto, fundamental para este proxecto, tanto polo traballo que aportan como para realizar unha estratexia de valorización do xacemento por parte da Comunidade Local.

Asemade, durante os traballos realizaranse unha serie de actividades para os veciños e visitantes como barferencias, charlas, visitas guiadas ou visitas escolares. Tamén se desenvolverán outras actividades culturais paralelas das que se irá dando noticia.

O xacemento está aberto ás visitas durante os traballos en horario de 09:00 a 14:00 de luns a venres e tamén se organizarán visitas durante as fins de semana, previa publicación nesta páxina web, ou para grupos, previo contacto no enderezo electrónico info@proxectomougas.net.

No blog e redes sociais irase informando dos achados e novidades do proxecto para que todo o mundo poida seguir a evolución e resultados das escavacións.

Novos retos para A Cabeciña

S-2 UE-200 (1)

Situación do Sondeo 02 á espera de ser escavado

O proxecto entra así nunha nova etapa na que por fin poderemos coñecer o que pasa por dentro da Cabeciña. Sempre resulta emocionante comezar un proxecto deste tipo e sobre todo nun castro no que non se escavou con anterioridade. Pero na Cabeciña, esta sensación é aínda maior, se cadra, porque aínda que non se escavara todavía, moito se ten traballado nela, moito se ten falado sobre ela e como non, tamén especulado. Conversas e máis conversas. Reflexivas durante os traballos, distendidas no bar e imaxinativas mirando o solpor. Todas cun mesmo final: “ata que se escave non o imos saber”

Chega o momento da verdade, de ver se o xacemento responde as expectativas que existen sobre el. Confirmar hipóteses de traballo, descartar outras e rirse ao final do que se pensaba ao principio. Ábrese un proceso emocionante, o de pensar en común un xacemento, de interpretar as verbas que A Cabeciña murmurará en forma de achados.

As claves

Dentro de todo este proceso, hai unha serie de preguntas ás que se intentará dar resposta:

  • A cronoloxía do xacemento: É unha das claves do sitio. A forma e situación do castro fai pensar nun asentamento antigo, da I Idade do Ferro ou mesmo do Bronce Final o que unido á presenza dos petróglifos ao pé do castro, fai pensar que A Cabeciña pode ser moi importante para comprender a transición entre eses dous mundos.

 

  •  As relacións co comercio mediterráneo: A propia situación do castro, cun amplo dominio visual sobre o mar, nomeadamente sobre o porto natural de Mougás, invita a pensar que A Cabeciña podería ser un importante enclave nas rutas comerciais.

 

  • A estratigrafía do xacemento: A través deste proxecto comprenderemos a estratigrafía do sitio, o que axudará para futuras fases do proxecto establecendo se houbo unha ocupación continuada no tempo.

 

  • O estado de conservación: A existencia ou non de estruturas, ademais das xa visibles defensas, así como o seu estado de conservación determinarán a posibilidade a conveniencia dun proxecto de restauración e conservación para deixar os restos visitables