O elemento que máis nos impresionou dende a nosa chegada á Cabeciña foron as súas murallas. Na información xeral existente nesta web, descríbese o seu espectacular sistema defensivo, porén, poucos días despois de escribir esa información xa temos que cambiar algúns elementos que tiñamos por certos.

_DSC9570

Tramo da muralla e foxo na súa zona Leste, onde adquire maior monumentalidade. Nos afloramentos que se ven tras o foxo, sitúanse os petróglifos.

 

En arqueoloxía, o proceso de creación de Coñecemento é cambiante, na medida na que vamos tendo máis información  do sitio. Empezamos con hipóteses de traballo que nos axudan a enmarcar unha interpretación do xacemento, pero entre a formulación destas hipóteses como teorías, hai un proceso de escavación, de documentación de toda a información dispoñible.

As murallas da Cabeciña están en gran parte detrás de que agora mesmo se estea a facer un traballo de escavación e posta en valor. Sen este elemento destacable e monumental, probablemente sería máis complicado chegar a este momento do proxecto, xa que os elementos tan visibles e tanxibles axudan a convencer, ilusionan._DSC9587

Detalle da Muralla Leste no que se aprecian os escalonamentos da muralla cara o exterior

 

Unha realidade cambiante

Comentabamos na información xeral, que as murallas cinguen o castro, pero que é na súa parte Leste onde acadan un maior desenvolvemento e espectacularidade. As murallas da Cabeciña aséntanse nos cumios de terrapléns de terra, mais nesta parte Leste, todo o terraplén aparece “forrado” cun telón pétreo escalonado. Unha masa de pedra formada por muros que van facendo chanzos, seguramente como unha solución construtiva para reforzar o muro principal, pero que tamén ten unha vocación simbólica e unha vontade de impresionar.

Isto segue sendo así, pero no tramo seguinte cara o Nordeste, no que pensabamos que a solución era a de muralla no cumio do terraplén, sen reforzos de muros escalonados, a cousa cambiou.

Despois da roza e limpeza desa área fixemos unha pequena prospección e comezamos a atopar distintos niveis de muros. Esta zona tamén ten muros escalonados cara o exterior da muralla.

castro_5_modificada

Situación sobre o plano LIDAR dos novos escalonamentos da muralla.

Isto é significativo xa que a vocación de monumentalidade da Cabeciña é maior do que pensabamos, e o que é máis interesante, antes pensabamos que esa intención de impresionar estaba moi localizada a un punto concreto que coincidía ademais coa zona dos petróglifos (tal vez tería que ver co antigo acceso ao castro?). Agora sabemos que ese telón de pedra escalonada ten maior envergadura.

Estamos ante un castro excepcional no que simplemente con limpezas levamos sorpresas monumentais. O que xa vamos entendendo é que na Cabeciña, non todo é o que parece e queda a pregunta: Se simplemente con limpezas descubrimos que o xacemento é máis monumental do que parecía, que poderemos agardar como resultado das escavacións.

muros escalonadosDetalle muralla

Detalles dos novos escalonamentos sobre o terraplén

 

A Cabeciña non para, como di un dos lemas do proxecto, pero a creación de Coñecemento tampouco. É unha roda, un proceso excitante ao que precisamente queremos convidar a todos os lectores do blog. Animádesvos a seguir este proceso?