Que o Proxecto Mougás é moito mais que arqueoloxía en Comunidade xa o deixamos claro abondo. Onte demos un pequeno pero importante primeiro paso na nova estratexia forestal deste proxecto.

Dita estratexia forestal pasa por comezar a cambiar o modelo produtivo do eucalipto cara outro tipo de especies frondosas, pero hai tamén un factor de crear espazos forestais públicos para deleite e lecer de veciños e visitantes.

Os novos espazos forestais a crear son basicamente dous, relacionados entre si e relacionados cos outros elementos arqueolóxicos, paisaxísticos ou etnográficos configurando un todo.

DSC_0144

Vista da zona de arboreto antes do comezo da plantación

Un proxecto con raíz: O arboreto

Onte comezouse a crear o Arboreto de Mougás coa axuda dos escolares do CEIP Mestre Manuel García de Oia. A actividade realizouse coa axuda do equipo do EPRIF de Ponteareas e de numerosos voluntarios adultos que quixeron botar unha man.

O arboreto que se pretende crear é un xardín botánico con máis de cen especies arbóreas. O obxectivo é crear un espazo agradable para desfrutar do monte e onde os visitantes poidan coñecer e recoñecer as especies.

DSC_0192

Momento da plantación cos alumnos do CEIP Mestre Manuel García

Ademais o arboreto cubre tamén uns obxectivos didácticos. Dende o primeiro momento, o obxectivo é que sexan os escolares que se acheguen a Mougás quen o vaian plantando, xerando unha actividade didáctica baseada nos valores de respecto á Natureza.

Por outra banda esta actividade didáctica complementará a visita didáctica á Cabeciña. É dicir, a idea é que os coles se acheguen a Mougás, visiten a Cabeciña, fagan unha pequena ruta de sendeirismo e rematen coa actividade de plantación. Todo un exemplo do que é Proxecto Mougás, un proxecto integral sobre a paisaxe no que se transmite aos visitantes, pequenos e grandes, a necesidade de conservar o patrimonio natural e cultural. (Para máis información descárgate a nosa Unidade Didáctica)

Que as árbores te deixen ver o bosque

Xa falamos do arboreto e da Cabeciña, mais que pasa no medio?

Para conectar ambos elementos, os dous fundamentais do Proxecto Mougás, crearase unha senda botánica. Dita senda discorrerá paralela á actual pista forestal na súa beira Oeste e estará composta polas distintas especies que atoparemos no arboreto.

2

Esquema básico da configuración de Arboreto, senda botánica e Cabeciña

En paralelo á pista podemos ver:

  • En azul: Zona pola que se situarán as especies da senda, en paralelo á pista
  • En vermello: Zona produtiva do monte con oliveira e castiñeiro (Agora con eucalipto)

As distancias e límites son aproximados. En ningún caso este esquema representa parcelas ou límites.

A senda botánica terá uns poucos metros de espesor e actuará como unha cortina, como un pano tralo cal estará o novo elemento produtivo do monte. Entre a senda botánica e as propiedades particulares, producirase a primeira substitución de eucalipto por frondosa.

Neste caso, as especies principais serán castiñeiro e oliveira, recuperando modelos produtivos sostibles baseados en formas de vida tradicional. Un novo modelo produtivo envolto con elementos de desfrute e de aproveitamento didáctico.

Ademais dos elementos xa citados, esta estratexia ten unha lóxica dende o punto de vista da xestión forestal. Esta frondosa crea tamén unha banda de protección de lume, un cortalumes natural que defenderá o monte de posibles lumes xurdidos na zona de poboación e viceversa.

Regando a árbore

O proceso de creación de todo este conxunto non vai ser inmediato nin moito menos doado. Ademais dos atrancos cos que calquera proxecto sempre se atopa, traballamos con seres vivos que precisan os seus tempos de crecemento e hai moitas variables posibles.

Pero o primeiro paso está dado. Onte, os alumnos do CEIP Mestre Manuel García de Oia, deron ese primeiro paso do proceso. Puxeron a primeira semente, agora temos que ir regando entre todos.