Os petróglifos da Cabeciña


Tomando calcos nun dos paneis secundarios.

O conxunto rupestre da Cabeciña atópase a escasos 20m. da muralla do castro. Sitúase nun balcón natural sobre o Atlántico con amplo dominio visual. A visión conxunta dos gravados, a inmensidade atlántica e as masivas montañas que se erguen a escasos metros da costa poñen ao visitante en contacto co universal, co simbólico, coa Natureza e co máis profundo significado de ser humano. Estes sentimentos refórzanse cunha das postas de Sol máis fermosas de Europa, momento idóneo para ver os gravados no seu maior esplendor pola luz rasante.

En calquera caso, as condicións de conservación dos petróglifos da Cabeciña, fanos apreciables en calquera momento do día e con calquera condición lumínica.


As formas do panel principal

Panel principal
O panel principal da Cabeciña está composto por unha serie de combinacións circulares que se mesturan entre si. Lonxe de ser as típicas combinacións circulares do repertorio galego, o panel da Cabeciña ten unha particularidade que as converten en únicas, cando menos nese nivel de complexidade. Os círculos non chegan a pecharse totalmente resultando formas semicirculares ou con forma de abano.

Para os expertos, estas formas poden estar relacionadas cos gravados de certos dolmens da Bretaña francesa, nomeadamente o de Gavrinis. Estas formas viaxarían polo Atlántico ata Mougás, pero resulta tremendamente interesante o momento no que o fixeron.

Os dolmens son anteriores aos petróglifos galegos de Estilo Atlántico, polo que o panel principal da Cabeciña podería responder a un momento arcaico dentro deste estilo. Un petróglifo anterior á maioría de petróglifos que coñecemos.


Calco do panel principal: Rock Art Conservation

Paneis secundarios


As sutís coviñas na superficie da pedra.

Nunha serie de rochas ao redor do panel principal localízanse outros gravados que podemos clasificar como secundarios. Trátase fundamentalmente de grupos de coviñas e semella que a súa función é a de delimitar un espazo simbólico dentro da paisaxe, a zona ritual, e mesmo de dirixir cara o panel principal.


Calco de roca secundaria: Rock Arte Conservation

Existen tamén unha serie de rochas cuxas formas destacan no conxunto. Malia que a forma destas rochas sexan provocadas pola erosión, semella que están a cumprir tamén unha función dentro deste sistema, actuando como marcadores ou sinais desta área simbólica.

Dos datos que temos despréndese que A Cabeciña non son uns petróglifos illados senón que forman parte dun sistema coherente no que as súas partes relaciónanse entre si formando un todo.

Coñece a outra parte do conxunto: o castro da Cabeciña