Como diciamos no post de presentación deste blog, coa fase de escavacións da Cabeciña abríase un proceso emocionante. Un proceso de lenzo en branco no que deberiamos comprobar se as nosas expectativas sobre A Cabeciña eran correctas.  No que deberiamos contrastar as nosas hipóteses iniciais coa realidade do xacemento.

Xa comentamos tamén no post anterior, como nada máis facer un pouco de limpeza vexetal tivemos que cambiar as nosas primeiras impresións sobre a muralla. Resulta tremendamente interesante esa vertixe de enfrontarse a un castro no que nunca se escavara. Serían as nosas expectativas demasiado altas?  Viríase abaixo toda a planificación interpretativa, toda a estratexia futura?

_DSC9091

Hixinio e Javi traballando no sondeo 3. Notade a profundidade do nivel de terra negra

Negro negrísimo

Unha vez escavada a capa vexetal, enfrontámonos a un nivel de terra moi negra, moi orgánica e solta. Unha terra na que o sacho entraba amable, pola suavidade da terra e pola nosa ilusión de chegar ao que había debaixo.

Unha ilusión que aos poucos foise tornando en preocupación e mesmo en medo ao abismo, á nada: a ausencia de material era total. Nin un triste anaco de cerámica en ningunha das cinco sondaxes de 3x3m. En circunstancias normais, coa cantidade de terra removida, xa debería ter aparecido algo.

A medida de que o estrato de terra negra afondaba cara o infinito a nosa desesperación era maior. Era un nivel de fosilización, é dicir, posterior ao abandono do castro, pero xa cerca de medio metro para abaixo, a pregunta que rondaba no ambiente era se o castro estaría totalmente arrasado e só atopariamos ese nivel negro ou se pola contra ese nivel de fosilización tan potente fixera que os niveis inferiores se conservaran practicamente intactos.

S-5 UE-502 (2)

Sondeo 5 co nivel de fosilización de terra negra

En arqueoloxía, as ausencias son tan importantes como as presencias. A certa e manida frase que quere dicir que a ausencia de información tamén é información comezaba a semellar aplicable á Cabeciña.

Pero algo en nós resistíase a ese silencio administrativo que A Cabeciña nos daba por resposta. As ilusións eran moitas e sobre todo, pensabamos, esta ausencia de material non se corresponde co excelente estado de conservación das murallas.

S-4 UE-402 (3)

Nivel de derrube no Sondeo 4

Derrubados

Cando máis cundía o desánimo, o optimismo volveu aparecer. O nivel de terra negra esgotábase e baixo el aparecían derrubes. A alfombra de terra negra daba paso a unha nova alfombra de pedras Os derrubes son depósitos de pedras que formaron parte de edificios e que ao desmontarse ficaron azarosamente repartidas.

Normalmente son o anuncio das propias estruturas. A dúbida agora era se acertaramos plantexando os sondeos e as edificacións estarían dentro deles ou se pola contra iamos ter derrubes simplemente e as edificacións quedaran fóra. Ou tamén, o estado de conservación das posibles estruturas.

Tamén comezaron a aparecer anacos de cerámica. De principio anacos moi fragmentados e moi difíciles de datar, pero que parecían bastante antigos, na liña dunha das nosas hipóteses de que A Cabeciña podería ser un castro antigo, dunha Idade de Ferro moi inicial, incluso do Bronce Final. Pero non eran probas irrefutables, só indicios.

S-5 UE-503 (3)

Primeiro muro aparecido na Cabeciña. No Sondeo 5

De súpeto, un berro dende o sondeo 5 rompe a dinámica da mañá: Un muro!! Un muro!! Achegámonos todos e efectivamente, no sondeo 5 aparecía un muro no medio do derrube. Un muro clariño, característicamente curvo.

Pero a xornada aínda agardaba outras sorpresas. No sondeo 4 comezou a aparecer cerámica. Non eran xa aqueles fragmentos que pouca información podían dar. Era unha boa concentración de cerámica do mesmo cacharro, fragmentado, pero todo xunto.

Despois duns días de inicio un pouco dubitativos, no que o nivel de terra negra converteuse nunha especie de escuridade, de abismo, chegara a luz.

Agora estamos en posición de afirmar que debaixo dese potente nivel negro, hai xacemento. E efectivamente ese profundo nivel de fosilización parece ter axudado a que os niveis arqueolóxicos se conservaran ben.

S-4 cacharro 1 (1)

Vasilla completa da I Idade do Ferro (S.VIII-VII a.C). Sondeo 4

Pero non só iso. O cacharro de cerámica que apareceu, resultou ser bastante antigo, Entre un século VIII e VI a.C. Polo tanto encaixa nesa cronoloxía de I Idade do Ferro, é dicir, estamos ante un castro do inicio do mundo dos castros.

As posibilidades que abre este achado son moi interesantes, xa que podemos estar, atendendo a esa cronoloxía e á existencia dos petróglifos a 20m. da muralla, ante un xacemento que axude a explicar as conexións entre a Idade do Bronce e a Idade do Ferro, é dicir, entre o mundo dos petróglifos e o dos castros.

A traca final

Pero aínda hai máis. Como nas boas películas gardamos o mellor para o final, ou mellor dito, como nas series, para o seguinte capítulo. O luns daremos conta do gran achado da Cabeciña. Trátase dunha peza espectacular e pouco habitual.

Como avance, só podemos dicir que incide nese momento de transición entre a Idade do Bronce e a Idade do Ferro… e non é cerámica. Ficade atentos ;-)