O Proxecto Mougás


Visita noturna aos petróglifos

Os montes e costa de Mougás foron explotados a través da Historia. As formas de vida foron mudando, as aldeas foron cambiando de lugar e os recursos fóronse substituíndo. O Proxecto Mougás é o último episodio desta Historia de actuación sobre a paisaxe. O obxectivo é reverter o agresivo impacto dos últimos 50 anos cunha xestión forestal sustentable, a recuperación da identidade e o pasado, a creación de recursos turísticos e a dinamización social, cultural e económica.

A estratexia principal sobre a que orbita o proxecto é a posta en valor do lugar arqueolóxico da Cabeciña. O obxectivo é investigar o pasado da parroquia, a través dun proxecto de Arqueoloxía en Comunidade que sirva como dinamizador social xerando un recurso turístico que repercuta na economía local.

A Cabeciña é o estandarte, pero a posta en valor implicará diversos elementos da contorna como outros petróglifos, elementos etnográficos e mesmo formas de vida, aumentando o potencial turístico da zona.

O proxecto ten un carácter integral, incluíndo novas formas de explotación sustentable do monte como o resinado de piñeiro ou a substitución de eucalipto por frondosa autóctona e oliveira. Ademais da corrección do impacto paisaxístico e ecolóxico, este tipo de explotación forestal traerá unha serie de consecuencias positivas:

  • Económicas: a través da venda da resina, a oliva e a castaña.
  • Sociais: mediante a creación de postos de traballo.
  • Forestais: A frondosa autóctona creará unha barreira natural para o lume diminuíndo o risco de incendios.


O cabalo é un destacado recurso en Mougás

A gandería é outra das patas do Proxecto Mougás mediante a recuperación de especies autóctonas como a vaca cachena ou a cabra autóctona. Tamén se potencia a gandería extensiva no territorio do monte comunal e mesmo a utilización do gando para o mantemento vexetal dos lugares arqueolóxicos ou doutros puntos de interese turístico.

Outra faceta importante do proxecto é a dinamización social e cultural da parroquia. O apoio ás iniciativas culturais locais como agrupacións de música tradicional, a creación dun programa cultural ou a recuperación das formas de vida tradicionais, a memoria de Mougás e os mougaleses e as actividades para os máis pequenos son bos exemplos.

O Proxecto Mougás é unha roda na que todo está relacionado. Un pobo unido e activo implícase no proxecto, a xestión forestal repercute na paisaxe, aumentando o potencial turístico da zona, a gandería extensiva mantén limpos os xacementos arqueolóxicos, o proxecto de arqueoloxía en Comunidade axuda a crear un pobo unido e activo.