Onte presentouse en prensa o achado dun machado de bronce na Cabeciña. Con este novo post queremos explicar o achado e a súa importancia.

anilla

Fotografía do machado de talón da Cabeciña

Hai obxectos que definen xacementos como pode acontecer co arybbalos de Neixón ou o caldeiro de Monte do Castro. Estudamos o pasado, polo que non podemos saber se o machado da Cabeciña vai ser no futuro a peza coa que se identifique o xacemento, pero dende logo, é unha peza importante e che de significado.

Os machados de talón

O machado da Cabeciña pertence ao grupo chamado machados de talón, neste caso con dúas anillas para atar o mango. É unha tipoloxía con gran difusión en toda a vertente atlántica durante a Idade do Bronce Final e se poden encadrar en varios tipos segundo teñan unha ou dúas anillas, a súa forma, etc.

É habitual atopalos formando acubillos ou depósitos en gran número. O exemplo máis representativo é o de Samieira, con 156 machados, aínda que como veremos, Mougás conta co seu propio depósito aparecido no ano 1973.

Deposito_da_Samieira

Depósito de Samieira, Poio. Actualmente no Museo de Pontevedra

Pagaban a golpe de talón

Considérase que este tipo de machados de talón non serían empregados como tal, senón que máis ben serían utilizados en transaccións comerciais. É dicir, actuarían como moeda, antes de que existise a moeda. Serían como unha especie de lingotes aos que se lle daba esa forma de maneira convencional e os propietarios poderían atesouralos como riqueza ou chegado o momento fundilos.

Cando falamos do Noroeste da Península inxerido nas rutas comerciais que dende o Meidterráneo subirían por toda a fachada atlántica hai que pensar que o elemento que as xentes mediterráneas virían buscar serían precisamente metais. A fachada atlántica e Galicia en particular é moi rica en estaño, metal estratéxico naquel momento xa que era indispensable para fundilo co cobre e así obter o bronce.

Atendendo a isto, este tipo de machados poderían ter unha importancia vital neses intercambios. Podería ser unha forma de vender metal na que as dúas partes coñecían a cantidade aproximada de metal, unha especie de unidade de medida e venta, como podería ser hoxe en día a manchea de grelos. Ninguén merca 1 kilo de grelos ou 200 grelos, cómprase unha manchea que é unha cantidade aproximada aínda que variable.

Volvendo á Cabeciña

Atendendo a esta introdución, xa atopamos  cando menos tres elementos que fan deste machado un achado de suma importancia:

A súa aparición nun castro:

Non é o primeiro caso no que aparece nun castro este tipo de elemento en vez dos máis habituais depósitos, pero si é pouco habitual. No castro de Torroso (Mos) apareceu un machado de talón similar ao da Cabeciña e no de Penalba (Campo Lameiro), un machado de cubo, outra tipoloxía da mesma época.

Machado (2)

Machado da Cabeciña no momento da súa aparición, no seu contexto arqueolóxico 

O máis interesante da súa aparición nun castro é sen dúbida a posibilidade de darlle un contexto arqueolóxico, é dicir, saber en que estrato estaba e con que elementos estaba relacionado.

E hai outra implicación de interese. Estamos a dicir que este tipo de machados son do Bronce Final e tradicionalmente consideramos os castros como da Idade do Ferro. Quere isto dicir que A Cabeciña é un poboado do Bronce Final? A resposta lévanos ao seguinte punto:

A súa cronoloxía:

En posts anteriores, xa comentamos como un dos factores que fai da Cabeciña un sitio moi interesante é que pensamos pode axudar a explicar a relación entre dous períodos: A Idade do Bronce e a Idade do Ferro, é dicir, entre o mundo dos petróglifos e o mundo dos castros.

Este novo achado parece ir nesa dirección, xa que nos volve situar no momento de transición. Atopamos un elemento máis característico dun período (machado) nun contexto máis propio doutro período (un castro). Pero volvendo á pregunta de antes: Implica isto que estamos ante un castro do final da Idade do Bronce? Respóndenos Alfredo González Ruibal cunha cita da súa tese:

“Otro problema de definición es el de los materiales que se adscriben tipológicamente al Final de la Edad del Bronce y que aparecen en castros del Noroeste en lo que cronológicamente se puede etiquetar como Primera Edad del Hierro […] Esto llevaría a hablar de de castros del Bronce Final en fechas avanzadas y atípicas […] Apoyamos a este respecto la postura de Parcero para el Noroeste cuando sostiene que la presencia de una serie de producciones metalúrgicas no se puede utilizar como criterio – a menos no como criterio fundamental – para definir un período (lo que ya había apuntado Carballo). Lo que debe quedar claro es que la aparición de puntas de lanza de bronce o hachas de cubo o de talón y dos anillas en un castro o sus cercanías, no significa inmediatamente que dicho recinto pertenezca al Bronce Final (1200-800 a.C). Al contrario, lo más probable es que se trate de un poblado de inicios de la Edad del Hierro”.

DSC_0001

Outra vista do machado da Cabeciña

Polo tanto, por si só, o machado da Cabeciña non pode situar ao castro na Idade de Bronce. Pero si o sitúa nunha Primeira Idade do Ferro, levándoo a ese período de transición entre períodos do que tan pouco sabemos e para o que A Cabeciña pode ser clave.

O comercio:

Como xa quedou dito, este tipo de machados deberon xogar un papel importante nas relacións comerciais co Mediterráneo como elemento de intercambio. O machado da Cabeciña ponnos polo tanto sobre a pista da importancia deste castro marítimo que exerce un claro control sobre o porto natural de Mougás. Porén, non determina nada á espera de máis achados pero si nos induce a pensar que esa importancia do comercio na Cabeciña, unha das hipóteses iniciais, sexa real.

Na primeira parte deste post sobre o machado da Cabeciña, analizamos o que implica a súa descuberta a nivel arqueolóxico e a gran información que nos dá para ir comprendendo paso a paso este castro tan especial que é A Cabeciña.

Na seguinte entrega, dentro duns días, analizaremos as particularidades concretas do machado da Cabeciña e a información que nos dan e trataremos de poñelo en relación con outra gran descuberta que tivo lugar en Mougás en 1973: O depósito de machados de talón de Mougás, actualmente no Museo de Pontevedra