Logo da primeira entrega sobre o machado de Cabeciña, na que analizabamos as características xerais deste tipo de achados, nesta segunda parte do post explicaremos as súas particularidades así como o seu contexto. O outro día nunha conversa a raíz da publicación do machado, destacábase que un dos factores que facían importante este achado é o seu contexto arqueolóxico. Non se trata dun elemento illado, senón que grazas ao dito contexto pódese poñer en relación cun nivel e con outros elementos do xacemento.

_DSC9146

Hixinio co machado da Cabeciña que el mesmo atopou

O obxecto en si

Como quedou dito no anterior post, o machado da Cabeciña pertence á tipoloxía de machados de talón do Bronce Final. Porén, presenta unha serie de particularidades que pasaremos a enumerar:

-Conserva o cono de fundición: O cono de fundición é o apéndice que presenta na parte de atrás do machado. Sería o resultado de introducir o metal fundido no molde. É un elemento que antes de empregar o machado debería ser retirado cun golpe. O feito de que o conserve está a indicarnos que o machado da Cabeciña nunca foi empregado, posto que nunca foi retirado. Non é estrano que os machados deste tipo presenten o cono de fundición, mesmo cando son atopados en depósitos, resultando un dos argumentos para indicar que non se trataba de ferramentas utilitarias, senón lingotes empregados nas transacións comerciais.

-Presenta unha concreción branca nunha das anelas: Trátase dun resto de chumbo, seguramente correspondente a un anaco do molde que quedou pegado. O machado da Cabeciña, por tanto, puido ser un defecto de fabricación, é dicir, un machado defectuoso que desbotaron. Este dato abre unha perspectiva interesante, xa que de ser un defecto de fabricación desbotado, podería ser que a fábrica estivera na propia Cabeciña aínda que sen máis datos que corroboren, isto é simplemente unha hipótese.

anilla

Imaxe do machado da Cabeciña na que se aprecia o resto de chumbo na anela e o cono de fundición

Onde apareceu?

O machado da Cabeciña apareceu na Sondaxe 04 das cinco sondaxes abertas nesta primeira fase do proxecto.

A Sondaxe 04 é unha das dúas catas de 3x3m. abertas no primeiro recinto da Cabeciña, é dicir no primeiro recinto ao que entramos polo acceso actual. Este primeiro recinto é o de maiores dimensións dos cinco que temos identificados para A Cabeciña. Como os demais recintos trátase dun terreo preparado, máis ou menos chan, modificando o relevo da montaña para facela máis habitable.

O machado aparece na UE403, é dicir no terceiro nivel desta sondaxe. Os niveis anteriores son UE401, nivel de fosilización do castro cunha terra moi negra e orgánica e a UE402, un derrube que ocupa a totalidade da sondaxe e que probablemente pertenza ao arrastre dunha posible estrutura ao Norte da sondaxe pero fóra da mesma.

S-4 Machado (4) S-4 Machado (5)

Situación do machado na superficie da UE 403, aínda sen retirar totalmente o derrube UE 402

Esta UE403 está formada por unha terra de cor marrón, por debaixo do derrube anteriormente citado. Non ten unha gran concentración de material, pero os dous elementos atopados son sumamente importantes e diagnósticos e ambos aparecen no nivel máis superficial deste estrato.

O primeiro deles é o propio machado. O segundo é unha vasilla de cerámica atopada en anacos, pero que pegan entre si, ofrecendo a vasilla practicamente enteira. O machado aparece cara o lado Nordeste da sondaxe e a vasilla no Suroeste, é dicir, non están excesivamente preto, pero si aparecen ambos no nivel superficial dese estrato 403.

A vasilla, pola súa pasta e forma tiña un aspecto bastante antigo. Unha vez limpo e tratado no laboratorio, Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra e experto en cerámica, datouno na I Idade do Ferro dándolle unha cronoloxía de Século VIII-VI a.C.

S-4 UE-403 (2)

Imaxe en planta da UE 403 coa vasilla cerámica da I Idade do Ferro atopada

Este dato é de suma importancia, xa que ao estar o machado relacionado estratigraficamente cunha vasilla datable na I Idade do Ferro, permítenos situar ao machado nese mesmo horizonte, afondando na cita que empregabamos no post anterior de Alfredo González Ruibal:

“Lo que debe quedar claro es que la aparición de puntas de lanza de bronce o hachas de cubo o de talón y dos anillas en un castro o sus cercanías, no significa inmediatamente que dicho recinto pertenezca al Bronce Final (1200-800 a.C). Al contrario, lo más probable es que se trate de un poblado de inicios de la Edad del Hierro”.

Polo tanto, todo parece encaixar nun primeiro momento de ocupación do Castro da Cabeciña nunha etapa antiga da I Idade do Ferro. O feito de que apareza un elemento máis propio do Bronce Final que do Ferro I, o machado, fai pensar que esa ocupación responde a un momento inicial da Idade do Ferro, é dicir, seguramente máis próxima ao Século VIII a.C. que ao VI a.C.

Este dato é importante polo que comentamos sempre da existencia dun conxunto de petróglifos a escasos 20m da muralla do castro, cara o exterior. O feito de ter constatada unha ocupación do lugar na Idade do Bronce en forma de petróglifos e, agora, dun momento moi inicial da Idade do Ferro pode converter á Cabeciña nun xacemento excepcional para comprender a transición entre ambos períodos.

O contexto amplo

Ata aquí o referido ao contexto inmediato do machado, pero se abrimos o zoom, temos que aludir a outro achado acontecido non lonxe da Cabeciña: O depósito de Mougás.

Debuxos depósito Mougás

Debuxos dalgúns dos machados do Depósito de Mougás por Lois Monteagudo. 1973

O depósito de Mougás foi un achado accidental por parte do veciño Manuel Domínguez “Cruña” en 1973. Actualmente está depositado no Museo de Pontevedra. O depósito está formado por un total de 18 machados.

Os machados do depósito de Mougás son moi semellantes ao da Cabeciña, forman parte da mesma tipoloxía, excepto polo feito de que o da Cabeciña é de dúas anelas, aínda que unha delas estea rota e os do Depósito de Mougás presenten unha única anela.

Resulta tremendamente interesante comprobar a densidade de machados de talón en Mougás, un lugar que mira intensamente ao mar e no que estes machados puideron ter relevancia no comercio marítimo.

Pero o que resulta tremendamente interesante é como os mesmos artefactos, aparecidos en distintos contextos, pero moi próximos entre si, dannos informacións diferentes. Os obxectos son os mesmos, pero segundo o seu contexto arqueolóxico podemos interpretalos de distintos xeitos, por iso incidimos sempre na importancia do contexto: os obxectos en si mesmos non contan historias, cóntanas, cando coñecemos a súa relación con outros elementos, o seu contexto.

Neste caso, o machado da Cabeciña, por ter aparecido no interior dun castro, pero sobre todo porque coñecemos o nivel no que aparece e os outros obxectos cos que se relaciona, podemos situalo na I Idade do Ferro. É máis, o propio machado permítenos especular con que sexa unha I Idade do Ferro moi inicial.

Por outra banda, os depósitos deste tipo de machados, como o de Mougás, responden a un uso cultural da Idade do Bronce, xa que o propio feito de facer ese tipo de depósitos é unha tradición da Idade do Bronce. Citando outra vez a Alfredo González Ruibal:

“En mi opinión, los depósitos de hachas, que cronológicamente abarcan el fin del Bronce y los inicios del Hierro (S. X-VII a.C.) no se corresponden con las grandes líneas de comprotamiento culturalen el Noroeste a partir del S. VIII. Por lo tanto se puede considerar un hecho del Bronce Final (se enmarca en un proceso de depósitos votivos a gran escala y en diversos ámbitos que empieza a fines del II milenio)”.

Neste enlace podes ampliar información sobre o Depósito de Mougás co artigo de Lois Monteagudo publicado nos Cuadernos de Estudios Gallegos de 1973 Hachas de tope de Mougás (Pontevedra)