O castro da Cabeciña

DSC_0509
Fotografía na que se poden apreciar os terrapléns do castro

O castro da Cabeciña sitúase nun outeiro a 150m. de altura, cun claro dominio sobre a costa e os vales de cultivo. Dende 2012 veñen facéndose unha serie de traballos de limpeza e documentación das estruturas visibles en superficie. Tras estas tarefas de limpeza son apreciables cando menos cinco aterrazamentos e o seu impresionante sistema defensivo. A actual campaña de escavación pretende valorar o estado de conservación do castro de cara a realizar un proxecto de escavación en área e posta en valor.


Modelo dixital do castro a partir de datos LIDAR.


As murallas e os foxos


Os derrubos de pedra son espectaculares

Sen dúbida, os elementos máis destacables son as súas murallas e foxos. A muralla cingue o castro nas súas vertentes Norte, Leste e Sur e semella que se perde polo Oeste, xa que a pendente natural fai innecesaria a protección desta zona. En calquera caso, esta zona occidental é a menos coñecida por non estar aínda limpa de vexetación, polo que non se descarta que puidese aparecer algún resto.

A muralla de pedra configúrase sobre o cumio dun terraplén de terra acadando gran altura e monumentalidade. Nalgunhas zonas nas que resultan visibles en superficie as dúas caras da mesma, dá unhas medidas de aproximadamente dous metros de espesor.

A súa construción configúrase en base a dúas caras de pedras ben traballadas e un recheo interior de pedra miúda mesturada con terra.

_DSC9570
Vista da muralla e foxo na zona Leste 

A muralla na zona Leste
A cara leste do castro é onde se percibe unha maior monumentalidade nas defensas xa que hai un esforzo pétreo moito maior. Nesta zona, o terraplén revístese de pedra creando un efecto de solidez e poder moito maior. Detrás deste esforzo pétreo hai unha intención simbólica, xa que debaixo da pedra hai terraplén de terra, como no resto do recinto. O que fixeron nese tramo foi revestir o terraplén, dispoñer un gran telón de pedra por riba que fixera o efecto dunha muralla monumental.

Entre os grandes derrubes da muralla Leste, adivíñanse unha serie de muros escalonados cara o exterior. Estes escalonamentos poderían ter unha función estrutural, para soster e reforzar a gran muralla e simbólica, para realzar o seu carácter monumental. Haberá que esperar á retirada dos derrubes e á escavación da muralla para entender mellor a estrutura da mesma.

Os foxos tamén resultan monumentais, cinguindo o recinto e perdéndose tamén cara o Oeste. Ao igual que a muralla, os foxos adquiren un carácter máis monumental na zona Leste. Esta cara Leste do castro é na que se inverteu un maior esforzo xerando un sistema defensivo monumental que segue a impresionar miles de anos despois da súa construción.

Os recintos


Recinto interior no castro da Cabeciña.

Para un maior aproveitamento do terreo, o castro organízase en torno a cinco terrazas. Estas terrazas vanse superpoñendo en altura para poder solucionar os problemas de desnivel do mesmo. Os distintos recintos posúen tamén murallas propias que aumentarían o carácter pétreo e monumental do castro.

Á espera de escavación, semella que a creación destes recintos supuxo un gran traballo por parte dos habitantes do castro, quen modificaron a forma dunha montaña enteira para facela máis habitable.

Posición estratéxica e control do territorio
O castro da Cabeciña ten unhas vistas privilexiadas sobre o Atlántico tanto mirando ao Norte como ao Sur, aínda que é a vista Sur a que ofrece unha maior amplitude.

P1040224Relacións de intervisibilidade no castro da Cabeciña. Fotografía propiedade de Gustavo Pascual Hermida

Aos pés do castro sitúase o Porto de Mougás. Trátase dun pequeno fondeadoiro natural, de feito, un dos escasos puntos de atraque neste pedregoso tramo de costa entre o Miño e Baiona.

O claro dominio sobre a costa e en particular sobre este pequeno porto, fan da Cabeciña un interesante punto para investigar as relacións comerciais co Mediterráneo. Consíderase que a súa escavación complementaría a información doutros castros marítimos escavados como Montealegre, A Lanzada ou Neixón.

Ademais da relación co Atlántico, cabe destacar a súa relación con outros castros. Nun tramo de costa de 8 km., atopamos ata un total de 11 asentamentos castrexos, o que resulta unha concentración sorprendentemente alta.

Analizando a posición destes castros, podemos concluír que existen tres asentamentos en altura (un deles A Cabeciña) e os outros repártense polos vales, máis cerca dos terreos de cultivo. Aínda que probablemente non todos estes castros estiveron ocupados no mesmo momento, semella que hai unha estratexia de ocupación do territorio, con estes tres castros nunha posición máis dominante sobre a paisaxe e conectados visualmente entre si.

Coñece a outra parte do conxunto: os petróglifos da Cabeciña