O Arboreto

Escolares durante unha plantación no Arboreto

O Proxecto Mougás é máis que arqueoloxía. Preténdese tamén unha nova estratexia forestal no entorno. Dita estratexia baséase nunha parte produtiva na que se pretende a substitución paulatina do eucalipto por frondosas autóctonas como oliveira ou castiñeiro. Un novo modelo produtivo baseado na sustentabilidade e na creación de postos de traballo recuperando os estilos de vida tradicionais.

A outra parte da estratexia forestal pasa por crear novos espazos públicos para deleite de veciños e visitantes.Os novos espazos forestais a crear son basicamente dous: o Arboreto e a Senda Botánica. Ambos están relacionados entre si e cos outros elementos arqueolóxicos, paisaxísticos ou etnográficos configurando un todo.

Un proxecto con raíz: O arboreto

En 2015 comezouse a crear o Arboreto de Mougás coa axuda dos escolares da zona. A intención é a de seguir plantando árbores ata chegar ata as 150 especies, creando un xardín botánico onde os visitantes poidan coñecer e recoñecer as especies.

 

Ademais, o arboreto, cubre tamén uns obxectivos didácticos. Dende o primeiro momento, o obxectivo é que sexan os escolares que se acheguen a Mougás quen o vaian plantando, no marco dunha actividade didáctica baseada nos valores de respecto á Natureza.

Ademais, esta actividade didáctica complementará a visita para escolares á Cabeciña. É dicir, a idea é que os coles se acheguen a Mougás, visiten a Cabeciña, fagan unha pequena ruta de sendeirismo e rematen coa actividade de plantación. Consulta aquí a nosa proposta didáctica

Todo un exemplo do que é Proxecto Mougás, un proxecto integral sobre a paisaxe no que se transmite aos visitantes, pequenos e grandes, a necesidade de conservar o patrimonio natural e cultural.

Que as árbores te deixen ver o bosque

Para conectar A Cabeciña e o Arboreto os dous elementos fundamentais do Proxecto Mougás, crearase unha Senda Botánica. Dita senda discorrerá paralela á actual pista forestal na súa beira Oeste e estará composta polas distintas especies que atoparemos no arboreto.

2

Esquema do Arboreto e Senda botánica. En azul: Senda botánica. Vermello: Zona produtiva. Delimitacións aproximadas

A senda botánica terá uns poucos metros de espesor e actuará como unha cortina, como un pano tralo cal estará o novo elemento produtivo do monte. Entre a senda botánica e as propiedades particulares, producirase a substitución de eucalipto por frondosa.

Ademais dos elementos xa citados, esta estratexia ten unha lóxica dende o punto de vista da xestión forestal. Esta frondosa crea tamén unha banda de protección de lume, un cortalumes natural que defenderá o monte de posibles lumes xurdidos na zona de poboación e viceversa.