Mougás


Mougás desde o mar

Santa Uxía de Mougás é unha parroquia do Concello de Oia, que linda ao Norte con Baiona. Sitúase nas estribacións occidentais da Serra da Groba e limita co Atlántico cunha característica liña de costa recta e pedregosa. Precisamente ese contraste entre o mar e as terras altas condicionou a través do tempo a forma de vida mougalesa.


O sol mergúllase no Atlántico

A explotación do mar, a gandería e o agro abasteceron aos seus habitantes. O abrupto ascenso da Serra da Groba, dende o nivel do mar ata máis de 700m., tradúcese nunha gran diversidade paisaxística: dende a zona litoral ata as penichairas das terras altas. Este Mar e Montaña provoca unha serie de miradoiros naturais con abraiantes panorámicas sobre o Atlántico e a unha das postas de Sol máis fermosas de Europa.

Maneiras de vivir
Pese a ter unha longa liña litoral, tradicionalmente Mougás viviu bastante de costas ao mar. Os sistemas de vida baseáronse máis na agricultura, nomeadamente cerealística e na gandería, destacando a cabra e o cabalo.

Os cabalos son parte do ecosistema das terras altas.

O mundo cabalar continúa a ter unha gran presenza, celebrándose todos os anos un dos curros máis grandes e populares de Galicia. As outras actividades foron desprazadas pola explotación forestal, pero baixo a mesta capa de eucaliptos aínda son apreciables as cortes de cabras do Contadoiro ou os socalcos de cultivo adaptándose aos desniveis do val.

Poucas familias ían ao mar, fundamentalmente no barrio do Porto, onde pesca e marisqueo eran actividades secundarias para ir vender a Baiona ou trocar por produtos das terras altas. Recordan os veciños que eran xentes da Guarda as que en época estival se establecían no Porto de Mougás para ir pescar nas súas gamelas guardesas.

Coa música a outra parte
Outra actividade con gran tradición en Mougás é a música. Mougás é terra de músicos e contan que tradicionalmente ían animar as festas das parroquias veciñas.


Banda de Mougás en 1968. Foto propiedade de Alfredo González Domínguez

Este carácter festivo perdura na parroquia que conta cunha Banda de Música fundada en 1880 en cuxa historia destaca a figura de D. Alsirio Fernández. Ademais Mougás conta cunha Rondalla e unha Mini-Banda, sen esquecer á orquestra Dinamita Show de recente creación e o obradoiro da luthier e percusinista Patricia Cela, membro do Cuarteto Caramuxo, galardoado cun Premio Martín Códax da Música.