Os protagonistas do Proxecto Mougás son os mougaleses, é por iso que queremos ir presentándovolos pouco a pouco. Faremos unha serie de vídeos, nos que ademais de ir coñecendo aos veciños, iremos recuperando os costumes e tradicións de Mougás. Comezamos por Chencha, coa que Lupe Jiménez, a antropóloga do Proxecto Mougás, pasou unha agradable tarde facendo bolas da sartén.

DSC00033

Chencha na súa cociña, preparando as bolas da sartén

Sempre insistimos en que esta é tamén unha parte importante do proxecto, non só se trata de escavar un castro ou recuperar o sistema produtivo do monte senón tamén de poñer en valor as formas de vida tradicionais e a adaptación dos habitantes de Mougás a través do tempo á súa paisaxe.

No interior do artigo tes o vídeo facendo as bolas con Chencha

Chencha abriunos a súa cociña para amosarnos un dos tesouros gastronómicos de Mougás: as bolas da sartén. Segundo a revista gastronómina BenBo, as bolas da sartén son unha solución tradicional para cando non había pan. Tradicionalmente non se cocía pan a diario, polo que se entre cocedura e cocedura a casa quedaba sen pan, facíanse unhas bólas de masa que se fritían na tixola (bolas da sartén) o na pedra quente da lareira (bolas da lareira).

Aínda que este costume debía estar extendido por Galicia e, de feito, aínda perdura en sitios diversos, as bolas mougalesas presentan unhas particularidades. A primeira ten que ver coa propia receita, xa que se fan básicamente con fariña milla e unha pouca fariña triga para ligala, ademais, a masa non se deixa levedar.

A segunda característica é máis ben cultural e ten que ver co consumo das bolas. As bolas mougalesas consúmense habitualmente acompañando os ourizos, un dos produtos máis característicos da zona. O propio consumo dos ourizos ten un aquel de celebración, case ritual, xa que segundo nos informan diversos veciños, as familias xuntábanse a comer a ourizada ao aire libre, ao redor dun lume polo que se asaban brevemente os ourizos, cadaquén sentado nun tallo e cunha pedra a man para ir abríndoos.

Ademais de para os ourizos, as bolas poden ir acompañadas de touciño, ben fritido aparte ou coa propia bola, con chourizos ou mesmo con xurelos ou outros peixes asados. Segundo nos ten dito acompañan mellor ao peixe que á carne, ou mellor dito, as que son fritidas en graxa de porco, maridan con carne, mentres que ss que se friten en aceite van mellor con peixe. Emilio da casa dos Calouros contounos que tradicionalmente eran fritidos na graxa de porco resultante de facer os roxóns.

DSC_0196

A Receita

Ingredientes

Fariña milla

Auga fervendo

Fariña triga

Aceite ou graxa

Modo de preparación

  1. Envólvese a fariña milla nunha artesa ou tina con auga fervendo. Unha vez teña aspecto compacto déixase enfriar
  2. Unha vez enfríe a masa o suficiente para poder traballala, incorpórase a fariña triga e vaise amasando ata que ligue
  3. Divídese en porcións que se botan en aceite quente e aplástanse na tixola.
  4. Deixamos que se faga ben para qu o interior non quede cru e dámoslle a volta para que quede dourada por ambos lados

Observacións

As cantidades son a ollo e dependendo dos gustos de cadaquén. O mesmo ocorre co tamaño das bólas. Chencha fíxoas como de 15 cm. de diámetro e un dedo de espesor, deste xeito quedaron crocantes pro fóra e esponxosas por dentro. Non hai porque comelas no día, aguantan ben ata tres ou catro días.