A Cabeciña, un mirador a 4.000 anos de Historia


O conxunto da Cabeciña cos petróglifos en primeiro plano e o castro ao fondo.

A Cabeciña é un conxunto arqueolóxico formado por petróglifos e un castro. Situado nun outeiro con excepcionais vistas sobre a liña de costa de Oia e os vales de Mougás, permite revivir os 4.000 anos de Historia desta paisaxe.

Os creadores dos petróglifos, os habitantes do castro ata os actuais veciños de Mougás deixaron a súa pegada nestes vales, regatos e outeiros. Esta pegada é perceptible aínda a día de hoxe, permitíndonos reconstruír 4.000 de acción humana nesta paisaxe.

O conxunto arqueolóxico da Cabeciña permite nunha soa visita penetrar en dous mundos: o mundo simbólico dos petróglifos e o mundo monumental dos castros.

A Cabeciña ofrece uns gravados rupestres cunhas formas moi orixinais, únicas en Galicia que ademais son apreciables en calquera momento do día e con calquera condición de luz. Coñéceos máis aquí.

No mesmo recinto, podemos coñecer un castro que destaca polas súas defensas monumentais e pola súa situación estratéxica, dominando a costa e sobre todo o Porto natural de Mougás. Empeza a exploralo aquí.

A Cabeciña é un lugar onde o visitante pode aprender, coñecer, relacionar ou simplemente evadirse e sentir a paz dunha paisaxe sublime.