A fase de campo de escavacións na Cabeciña toca o seu fin. Queda algún detalle por debuxar e algún traballo técnico por facer. Agora é tempo de mirar cara o futuro e pensar as seguintes actuacións. Que remate esta primeira fase valorativa non quere dicir nin moito menos que acaben os traballos.

S-3A UE-301 (2)

Inicio da ampliación da Sondaxe 03

Temos pensadas varias actividades en torno á Cabeciña como as visitas didácticas, as visitas guiadas gratuítas desta Semana Santa e outras que iremos comentando a medida que vaiamos pechando, iso si, anticipamos que haberá unha romaría moi cervexeira. Moitas cousas quedan por facer que vos van a sorprender e agardamos que a gustar. A Cabeciña non para.

Á espera do traballo de gabinete para facer un post conclusivo desta primeira fase de escavacións, queremos avanzar nesta entrega respostas a preguntas que quedaron lanzadas no anterior.

Ampliando o Coñecemento

Deixamos a historia coa sondaxe 03 escavada e a piques de iniciar na súa contorna unha ampliación de 40 m2. Decantámonos por esta sondaxe para a ampliación porque presentaba unha gran complexidade con tres estruturas moi próximas e dúas fases de ocupación. A primeira destas fases, da I Idade do Ferro e a segunda, posterior, próxima ao cambio de era, é dicir, aproximadamente do S.I a.C ao S.I d.C.

Con esta ampliación acadamos unha visión máis panorámica desta terraza e da secuencia de ocupación da Cabeciña._DSC0125

Vista xeral da ampliación da sondaxe 03 xa escavada

A gran cabana que se empezara a escavar na Sondaxe 03, a que presenta un enlucido, quedou descuberta na súa totalidade, revelándose como unha estrutura de grandes dimensións. Ademais, comprobamos que o enlucido non era residual ou casual, senón quese extende por todo o exterior do muro, aínda que non de xeito uniforme.

Ademais, quedou descuberta unha posible porta da edificación, que nun momento posterior foi tapiada. O muro da cabana semella que sufriu distintas “reformas” ao longo do tempo.

Pero non era a única estrutura, coa ampliación, descubriuse un labirinto de muros maior que o xa detectado na Sondaxe 03. Por exemplo, a posible canalización esténdese un pouco máis en paralelo ao muro, aínda que isto non nos aclare totalmente a súa funcionalidade.

Vaiamos por fases

Na sondaxe 03, antes da ampliación, falabamos de dúas fases de ocupación, a da I Idade do Ferro, detectada tamén nas outras sondaxes e unha ocupación posterior próxima ao cambio de era. Naquel momento, sustentabamos esta segunda fase de ocupación, posterior, pola gran cantidade de cerámica, sobre todo ánfora, pertencente a este período. Estaba claro que non era algo residual ou casual, pero non tiñamos edificios desa segunda fase.DSC_0250

No interior da cabana apréciase o nivel de terra que a enterrou, o derrube dos seus muros e sobre este, a estrutura posterior

Coa ampliación cambiou o conto. Efectivamente, por enriba do nivel da gran cabana do enlucido, apareceron dúas estruturas pertencentes a esta segunda fase, dando lugar a unha bonita superposición de edificios.

O máis curioso é que estas segundas edificacións constrúense tempo despois de que a primeira se abandone. É dicir, a primeira cabana abandónase, énchese de terra por procesos naturais e os seus muros derrúbanse. Por enriba deste derrube é cando se constrúen as edificacións da segunda fase. Probablemente, os construtores desta segunda fase non foron nin conscientes de que debaixo había edificacións máis antigas.

Non nos poñamos negativos

Por se a superposición de fases e estruturas non estivera suficientemente completa, quedaba unha última sorpresa. Por debaixo da gran cabana do enlucido, apareceu a gabia de cimentación dunha estrutura feita en materiais perecedoiros.

Antes de que as cabanas se fixesen de pedra, facíanse de materiais perecedoiros como madeira ou barro. A madeira ou o barro non chega ata nós e os restos que atopamos deste tipo de cabanas son as gabias de cimentación, o que chamamos estruturas en negativo.

DSC_0249

No interior da gran cabana apréciase a gabia de cimentación da estrutura en negativo

Á espera dos traballos de gabinete, esta estrutura en negativo pertencería ao primeirísimo momento de ocupación do castro, é dicir, cando se prepara o terreo, e se constrúen as murallas. Cando se inaugura o castro.

O certo é que estes resultados son moi gratificantes. Sempre insistimos en que Proxecto Mougás é máis que A Cabeciña, que o que queremos é contar os 4.000 anos de historia dunha paisaxe e como o home transformou esa paisaxe. Sen saír da Cabeciña xa temos unha secuencia de tempo importante que nos fala dos cambios na relación entre home e paisaxe ao longo da Historia.

Non tiramos a Toralla

Aparte do grande interese destas fases de ocupación do castro, seguimos a constatar o bo estado de conservación no que se atopa o xacemento e a cantidade e calidade de materiais que nos achega.

S-3A punta de lanza bronce

Punta de lanza de bronce da Cabeciña

Na ampliación da sondaxe 03 tense atopado unha serie de materiais interesantes e espectaculares. Destacamos unha punta de lanza de bronce nun excelente estado de conservación.

Pero non é o único, nos niveis superiores atopamos un machado de ferro funcional, outra punta de lanza, neste caso de ferro, unha moeda, fíbulas que empregaban como imperdibles e multitude de cerámica entre a que destacan os fragmentos de varios exemplares de xerras tipo Toralla.

20150227_132722

Fragmento de xerra tipo Toralla

Trátase dun tipo de xerra moi especial, normalmente moi decorada e que se cre que eran empregadas en contextos rituais.

Como diciamos ao principio, remata esta primeira fase de escavacións, pero como demostra a propia Cabeciña, as cousas sucédense por fases. Moitas actividades por chegar e xa pensando nas seguintes fases de traballos arqueolóxicos. Non tiramos a To(r)alla.