A Cabeciña é moito máis que un machado a pesar de que a espectacularidade deste achado nos levase a dedicarlle as últimas entradas do noso blog. Neste novo post trataremos de contar e sistematizar os últimos achados da Cabeciña, así como de lanzar os retos que nos quedan para as últimas semanas de intervención.

S-4 cacharro 1 (1)

Vasilla atopada na Sondaxe 04 correspondente á I Idade do Ferro

A cerámica

A cerámica é probablemente o elemento de maior valor á hora de establecer cronoloxías relativas e de tratar de facer unha primeira aproximación a un xacemento. Os tipos de cerámica están moi estudados e sistematizados, polo que atopar cerámica dun tipo determinado nun nivel concreto axúdanos a situar no tempo relativo ese nivel e comezar a entender o castro.

Falabamos na última entrega desa vasilla cerámica do Sondeo 04, o mesmo no que apareceu o machado e como nos permitía falar dunha ocupación da Cabeciña na I Idade do Ferro.

Outros fragmentos atopados, permítennos seguir nesa dirección, pois nomeadamente nas Sondaxes 04 e 05, é dicir, as situadas no primeiro recinto segundo se accede, atopamos fragmentos cerámicos que apuntan tamén a ese mundo da I Idade do Ferro.

Pero relacionada con esta cerámica non só atopamos elementos de fabricación autóctona senón tamén cerámica de importación púnica. Este dato é moi importante, xa que nos fala duns contactos comerciais da Cabeciña co mundo mediterráneo nunhas datas moi temperás. Vai por tanto na liña do que pensabamos sobre o sitio, que podería ser un punto comercial importante, pola súa clara vinculación co mar e o seu control sobre o porto de Mougás.

la foto (5)

Cerámica de importación púnica, con característica cor alaranxada

Nas sondaxes do recinto superior, tamén atopamos cerámica dese horizonte entre o século VIII-V a.C. Pero para iso teriamos que esperar, pois nos niveis superiores desas sondaxes do segundo recinto atopamos cerámica de importación romana que nos levan ao cambio de era, é dicir, entre os séculos I a.C-I d.C.

Hai un elemento moi claro para levarnos a esa época, que é a ánfora Haltern 70, unha vella amiga dos xacementos galegos e cuxa produción se sitúa moi concretamente nese período. Esta ánfora sería fabricada en alfares da zona de Cádiz e chegarían ata o Noroeste transportando viño e aceite.

Bolsa 152 S-3 pivote ánfora

Restos de ánfora romana que confirman unha ocupación do Cambio de Era, cando menos no segundo recinto

Estes datos sitúannos nunhas primeiras conclusións moi interesantes:

-O castro da Cabeciña foi habitado na I Idade do Ferro (S.VIII-V a.C.), segundo testemuñan as cerámicas atopadas nese período.

-A Cabeciña tivo vinculacións comerciais co Mediterráneo moi temperás, segundo nos indica a cerámica púnica atopada.

-A Cabeciña tivo unha ocupación posterior en torno ao cambio de Era, no final da Idade do Ferro (S.I a.C.-S.I d.C.). Esta ocupación polo de agora só a atopamos no segundo recinto.

A Sondaxe 03

Xa falamos en anteriores entregas do primeiro muro atopado na Cabeciña na Sondaxe 05, cerca da muralla. Todo parecía apuntar que a ampliación que tiñamos prevista na sondaxe que revestira resultados máis interesantes, ía ser nesa zona, tratando de coller tamén a cara interna da muralla. Pero como dicimos sempre, a arqueoloxía é cambiante e hai que estar sempre dispostos á sorpresa e á rectificación.

Ao seguir escavando, apareceron muros tamén na sondaxe 02 e na 03, polo que as posibilidades de ampliación podían cambiar, pero a sondaxe 05 tiña o valor engadido de poder coller a muralla.

S-2 UE-206 (6)

Vista da Sondaxe 02 co seu muro

Foi entón cando a sondaxe 03 se revelou dando un golpe na mesa. Ao seguir escavando decatámonos de que a estrutura desa sondaxe estaba tremendamente ben conservada, cun sistema construtivo firme e cun morteiro espectacular. O muro alcanzaba 70 cm. nalgún punto. As tornas comezaban a cambiar, pero non era só iso.

O muro, ademais conserva un enlucido exterior, é dicir, unha capa que o reviste seguramente illando o interior da humidade. Haberá que agardar as analíticas para ver de que materiais está formado dito enlucido.

S-3 UE-304 enlucido (2)

Detalle do enlucido do muro principal da Sondaxe 03

Pero agardaban máis sorpresas. No outro ángulo da sondaxe, apareceu outra estrutura que case se perde no perfil, polo que non podemos determinar moi ben a súa natureza, só que é unha aliñación de pedras.

E agardaba outro elemento de sumo interese: case en paralelo ao primeiro muro, o do enlucido, apareceu unha estraña estrutura. Polo de agora é cedo para interpretala, pero semella unha especie de canalización de auga, o que encaixaría, tendo en conta a pendente.

Resumindo, a Sondaxe 03 revelouse complexa e interesante. Tres estruturas e un nivel de ocuación de cambio de era que non se detectou na Sondaxe 05. A decisión sobre o lugar no que facer a ampliación xa está clara.

S-3 UE-314 (2)

Vista da Sondaxe 03 en toda asúa complexidade: Ao fondo, o muro principal co enlucido. No centro, a posible canalización. En primeiro termo, a terceira estrutura

Ademais do interese de ver as dimensións da estrutura principal, hai varias interrogantes ás que trataremos de dar resposta coa ampliación:

-É o enlucido algo puntual ou atoparémolo no resto da estrutura principal?

-A aliñación de pedras… é realmente un muro?

-Constataremos unha maior ocupación do cambio de era na ampliación?

-Que é a estrana estrutura que rodea o muro principal? Unha canalización?

Aí quedan esas preguntas ata o próximo post